Entre a retórica e a realidade do poder da comunidade internacional

Poucas expresións foron tan utilizadas enchendo tantos beizos dos altos mandatarios gubernamentais e, paradoxalmente, tan pouco cuestionadas na sociedade como a de comunidade internacional. Este termo, omnipresente en discursos políticos populistas e mediáticos, escúdase nunha solidariedade global construída sobre os chanzos dos valores compartidos dun dereito internacional e cooperación recíproca inexistente na actualidade.

Unha análise crítica da realidade xeopolítica evidencia que o concepto, por máis que tente representar unha comunidade xeneralizada, funciona como unha ferramenta retórica destinada a lexitimar un statu quo dominado pola rivalidade estratéxica e polo pragmatismo das grandes potencias nas guerras híbridas actuais.

O máis claro exemplo é o denominado Grupo dos 20, un foro que lexitima a reunión e discusión entre as economías que controlan máis do 80% do PIB mundial, exemplifica claramente esta contradición. Aínda que a súa orixe pretendeu afrontar desafíos globais desde unha perspectiva multilateral e cooperativa, a realidade actual amosa que os Estados con maior poder económico e estratéxico impoñen as súas axendas, reducindo a cooperación a meras declaracións diplomáticas sen repercusión real e colocando aos gobernadores de bancos centrais e ministros como meros títeres dos líderes estadounidense, ruso e chino.

Proteccionismo e declive do libre comercio

A manifestación máis palpábel desta fragmentación é o incremento das políticas proteccionistas. A guerra comercial e arancelaria que impón actualmente Estados Unidos sobre China e a Unión Europea revela con precisión o dobre discurso imperante. Por unha banda, mentre se promoven oficialmente o libre comercio e a globalización como vía de expansionismo internacional, pola outra banda, aplícanse aranceis e barreiras que buscan exclusivamente reforzar os intereses nacionais inmediatos e someter aos rivais estratéxicamente. 

A Unión Europea, amosada sempre como fiel defensora do comercio aberto, adoptou neste novo panorama xeoestratéxico medidas proteccionistas ambientais e algúns aranceis comerciais que lle permiten entrar no xogo de resposta e contrarréplica tomando partida con posicións agresivas contra os Estados Unidos e Rusia. Nesta xeneralización da guerra, que atinxe actualmente a moitos sectores da vida cotiá, os intereses particulares quedan asoballados polas intencións dos estamentos supranacionais europeos servindo en última instancia aos intereses particulares.

Lonxe de ser un espazo de cooperación efectiva, o G-20 evidenciou a súa impotencia para frear esta dinámica proteccionista, permitindo que as disputas económicas se resolvan mediante a imposición unilateral de medidas arancelarias no comercio.

Nuuk, Groenlandia 2025.

Manifestantes portan bandeiras de Groenlandia e pancartas críticas durante unha marcha cara ao consulado estadounidense, denunciando a presión xeopolítica de Washington sobre o Ártico.

Neocolonialismo e competición polos recursos naturais

Ollando a continua deterioración da denominada comunidade internacional, un aspecto chave é o neocolonialismo moderno en relación aos recursos naturais. A loita xeopolítica polo litio, cobalto e terras raras en América Latina e África, ou rexións estratéxicas como Ucraína ou Groenlandia, amosa a continuidade das dinámicas coloniais enmascaradas baixo o decorado manto da cooperación internacional. 

A República Popular China, coa súa iniciativa da Nova Ruta da Seda, despregou investimentos masivos en infraestruturas a cambio do control de recursos estratéxicos, unha estratexia á que os Estados Unidos e Europa intentan responder, sen deixar de utilizar métodos igualmente cuestionables. Así, a actual Administración Trump procura neutralizar o avance do xigante asiático con tentativas expansionistas ao redor do mundo sometendo a soberanía e os intereses económicos das nacións máis vulnerables, acentuando aínda máis as tensións xeopolíticas globais e esmagando os posibles acordos internacionais.

Neste contexto, as economías emerxentes como os BRICS, convertéronse en territorios chave para as grandes potencias, transformando ao G-20 nun espazo que, lonxe de regular estas prácticas, contribúe á lexitimación das mesmas mediante un discurso baleiro de "cooperación" e "desenvolvemento sostible".

O fracaso do multilateralismo

A crise do multilateralismo non é nova, mais coa volta á Casa Branca do multimillonario intensificouse exponencialmente. A saída inmediata de importantes acordos internacionais, como o Acordo de París, marcou un punto de inflexión na política estadounidense. 

O modelo multilateral e de cooperación internacional pasou de ser unha aspiración global a converterse nun verdadeiro obstáculo para as principais potencias e as respectivas intencións de pechar acordos trasnacional. A Administración Trump,  estandarte do unilateralismo, prosegue dende xaneiro a consecución de medidas que reforzan a súa posición de dominio estratéxico, incrementando o proteccionismo económico e socavando os acordos internacionais en beneficio do “America First”. Desta maneira, e xunto cas medidas arancelarias doutras potencias como China ou Rusia, a plataforma multilateral que tenta ser o G-20 segue a perder lexitimidade e relevancia ao converterse nun foro incapaz de tomar decisións vinculantes na cooperación global.

A guerra en Ucraína demostrou como a fragmentación política e a rivalidade xeoestratéxica impiden unha resposta coordinada eficaz dende organismos como o G-20. Os intereses nacionais e os acordos bilaterais superan calqueira intento de resolución colectiva efectiva, deixando evidente que o multilateralismo, na práctica, está reducido a un teatro diplomático onde as grandes potencias xestionan as súas relacións bilaterais á marxe das necesidades colectivas.

Cambio climático e retórica baleira

Aínda así, a mostra máis preocupantes da inoperancia internacional de foro como o G-20 é a incapacidade global para abordar a crise climática con accións eficaces. Potencias como Arabia Saudita, Rusia, India ou mesmo China seguen aferradas a políticas enerxéticas baseadas nos combustibles fósiles. Mentres, a Unión Europea, que tenta liderar a transición enerxética, atópase nunha encrucillada entre os seus propios intereses económicos e a dependencia enerxética externa.

As COPs (Conference of the Parties) da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), mudan a súa faciana de foros internacionais de cooperación en reunións retóricas onde os compromisos adquiridos raramente  materialízanse en medidas concretas. Pola outra banda o G-20, malia agrupar os maiores emisores de CO₂ do planeta e asumir así unha responsabilidade crucial na loita contra a crise climática, fracasou á hora de implementar unha gobernanza ambiental efectiva, atrapado entre os intereses económicos particulares dos seus membros e a ausencia dunha auténtica vontade política para actuar en beneficio colectivo.

Aínda así, dende unha perspectiva europeísta, a Unión Europea constitúe unha excepción relativa dentro deste escenario internacional fragmentado, ao promover un modelo supranacional baseado na cooperación institucional. Porén, a súa influencia real no taboleiro xeopolítico global permanece condicionada pola súa dependencia en cuestións estratéxicas como a seguridade, subordinada á OTAN liderada polos Estados Unidos, e a enerxía, fortemente vinculada a Rusia, o que debilita considerablemente a súa autonomía estratéxica e limita a súa capacidade de actuación independente.

Do mesmo xeito, a Unión Europea presenta profundas divisións internas en cuestións fundamentais como a política migratoria, a transición enerxética ou os vínculos comerciais con terceiros países, o que debilita significativamente a súa capacidade de presentarse como un bloque unido e coherente nun escenario global cada vez máis condicionado polo pragmatismo estratéxico das grandes potencias, restando eficacia e credibilidade ao seu proxecto de integración supranacional.

Impunidade internacional

Onde está esa tan invocada comunidade internacional nun contexto histórico no que as guerras, as ocupacións e os xenocidios son retransmitidos en directo e perpetúanse impunemente ante ollada global. Esta comunidade opera máis como concepto retórico ca como suxeito político real provocando unha inevitábel interpelación. 

Esa entidade abstracta, tantas veces proclamada como garante da paz e da xustiza, disípase entre cimeiras baldías e comunicados ambiguos. A súa ausencia non é só escandalosa: é cómplice. As institucións multilaterais manteñen un silencio interno e actúan autoboicoteándose, mentres as grandes potencias aplican medidas baixo as directrices dos seus intereses xeoestratéxicos. Na actualidade, a inacción convertiuse nunha estratexia política deliberada, e a hipocrisía, institucionalizouse nun mecanismo de gobernanza global.

Os discursos humanitarios encubren intereses espurios, mentres as medidas internacionais aplícanse de forma selectiva e destapan unha realidade desagradábel, a arquitectura multilateral global está ao servizo da xeopolítica e non da xustiza. Así, o que se presenta como neutralidade ou diplomacia é, en realidade, complicidade encuberta nun sistema que privilexia a estabilidade das potencias por riba da vida das persoas.

A pasividade calculada dos organismos que deberían garantir a paz mundial non é un erro, senón un síntoma dun sistema profundamente condicionado polos intereses das potencias hexemónicas. A lexitimidade moral do dereito internacional peneira cando os principios humanitarios son aplican con dobres morais. Mentres millóns de persoas sofren desprazamentos forzados, bloqueos alimentarios e xenocidio, o Consello de Seguridade da ONU permanece paralizado polas manobras das grandes potencias para preservar as súas alianzas. 

Neste contexto de fragmentación e violencia sistémica, a verdadeira cuestión non é só onde se atopa a denominada comunidade internacional, senón que modelo de orde mundial estamos dispostos a perpetuar. 

Bandeiras dos membros do G20 e organizacións rexionais no cumio marcado por tensións xeopolíticas e debates sobre a sustentabilidade e a desigualdade global. Suráfrica, 2025.

Dende a miña perspectiva individual observo que os foros internacionais como o G-20, máis que un espazo efectivo de solución aos grandes desafíos mundiais, acabou por converterse nun reflexo dramático das contradicións e limitacións do actual sistema internacional. A prevalencia das dinámicas unilaterais, a intensificación das guerras comerciais, o neocolonialismo na explotación dos recursos naturais e a manifesta incapacidade para enfrontar desafíos existenciais como o cambio climático, poñen en evidencia unha gobernanza global fragmentada, impotente e condicionada polos intereses das grandes potencias.

A idea dunha comunidade internacional eficaz segue sendo, desde unha perspectiva crítica, pouco máis que unha ficción retórica carente dunha manifestación práctica real. Mentres prevalezan as prioridades nacionais, as rivalidades xeopolíticas e a competición feroz polo control económico e estratéxico, o multilateralismo continuará sendo un discurso baleiro que disfraza a realidade dun sistema mundial movido polo pragmatismo e a imposición dos máis fortes. Así, nun contexto global cada vez máis fragmentado, é preciso cuestionarse se existe algunha alternativa realista fronte a esta lóxica imperante do poder e da competencia, ou se estamos simplemente asistindo a unha adaptación contemporánea e inevitable das outroras dinámicas de dominio, hoxe adobiadas pola aparencia de cooperación internacional.

Anterior
Anterior

A Unión Europea do “kit” de supervivencia. Un actor global autónomo ou unha peza subordinada?

Siguiente
Siguiente

O desarme do P.K.K. Un xiro decisivo na xeopolítica kurda