​​As Nacións Unidas fronte ao século XXI

Setenta e nove anos despois da súa creación, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas atópase no epicentro dunha crise de lexitimidade que pon en cuestión a súa capacidade para garantir a paz e a seguridade internacional. O órgano encargado de preservar a orde mundial, sen apenas cambios dende a súa constitución no 1945, mantén unha estrutura institucional deseñada das cinzas da II Guerra Mundial que xa non responde á realidade dun mundo multipolar, interdependente e atravesado por novos desafíos globais.

Con todo, no contexto xeopolítico do século XXI, o deseño institucional deste órgano revela xa non só os límites da arquitectura de posguerra, senón tamén a súa obsolescencia como instrumento efectivo de gobernanza global. A persistencia dunha estrutura fixada polos vencedores da II Guerra Mundial, con cinco membros permanentes dotados de dereito de veto (Estados Unidos, Rusia, China, Francia e Reino Unido), consagra unha lóxica de poder que non responde nin á distribución real de forzas no sistema internacional, nin á complexidade dos conflitos contemporáneos.

O deseño institucional do Consello, cunha división entre membros permanentes con dereito a veto e membros rotatorios sen esa prerrogativa, representa hoxe un dos principais atrancos para a eficacia do sistema multilateral. O resultado é unha parálise recorrente que impide accións decisivas ante guerras, represións masivas ou violacións flagrantes do dereito internacional.

Que sentido ten un Consello de Seguridade incapaz de intervir efectivamente nas crises máis urxentes do noso tempo? A súa relevancia queda profundamente cuestionada cando a comunidade internacional asiste impotente a conflitos como o de Gaza ou o de Iemen, onde millóns de persoas viven unha catástrofe humanitaria prolongada pola súa pasividade institucional.

Os bloqueos ás resolucións encamiñadas á paz, ao cesamento das conflagracións e á protección da poboación civil poñen en cuestión a vixencia e o valor do dereito internacional humanitario. A guerra en Siria, onde o conflito prolongado viuse agravado pola ineficacia de intervención do Consello; na Ucraína, onde o veto ruso imposibilita posibles avances de paz; ou en Palestina, onde o abrigo xeopolítico dos Estados Unidos impide o recoñecemento e a denuncia das responsabilidades polos crimes de guerra e xenocidio. 

O Subsecretario Xeral das Nacións Unidas para Asuntos Humanitarios e Coordinador da Axuda de Emerxencia, Tom Fletcher, nunhas probas armamentísticas. Líbano, 2025.

Esta dinámica na cerna das Nacións Unidas erosiona profundamente a credibilidade e reforza a percepción de que o Consello de Seguridade deixou de ser o garante da paz e seguridade internacional polo que foi fundado, senón que establece un espazo de confrontación xeopolítica directa entre potencias e afástase dos seus principios fundacionais de defensa da humanidade. Neste eito, xorde unha nova pregunta chave, pode seguir sendo considerada lexítima unha institución cuxas misións de paz chegan habitualmente tarde asoballando poboacións, ou directamente non chegan nunca, debido ao inmobilismo imposto polos membros permanentes? Os cascos azuis, símbolo dunha suposta neutralidade e compromiso coa paz, quedan demasiado a miúdo atrapados nunha burocracia paralizante que limita ou impide as intervencións urxentes e necesarias.

A comunidade internacional non pode continuar aceptando impasiblemente a instrumentalización política dos mecanismos de intervención militar da ONU, especialmente mentres os conflitos contemporáneos agrávanse día tras día. Mentres o Consello permanece bloqueado, os civís atrapados en zonas de guerra sofren directamente as consecuencias dunha política internacional determinada polos cálculos xeopolíticos das grandes potencias. Este escenario revela unha amarga realidade: o Consello de Seguridade perdeu a iniciativa e, coa súa inacción condicionada polo dereito a veto, compromete gravemente a súa misión fundamental de garantir a paz e a seguridade internacionais.

O impulso diplomático de potencias emerxentes como India, Brasil, Xapón ou Alemaña revela unha crecente vontade de transformación no seo das Nacións Unidas. Estas nacións demandan un maior protagonismo e respaldan as reclamacións a profundas reformas que amplíen unha representatividade máis xusta e limiten o abuso do dereito a veto, especialmente en contextos tan graves como os conflitos armados actuais.

A incongruencia do Consello complétase cando observamos que calqueira formulación de proposta na institución pode ser suprimida por un dos cinco membros permanentes, blindando o seu privilexio fundacional e bloqueando así calquera transformación que cuestione o seu status quo. Por iso, o paradoxo do sistema internacional actual enfróntase a unha crise profunda. Mentras auméntanse as demandas por unha gobernanza máis xusta, os poderes tradicionais resístense a reformar a estrutura obsoleta do Consello de Seguridade da ONU. Esta inercia favorece a fragmentación do multilateralismo e debilita a resposta global a desafíos comúns polo que, sen unha arquitectura baseada na equidade, os dereitos humanos e a cooperación, a ONU camiña cara un espazo de irrelevancia plena.

Resultados dos votos onde aparecen os membros da ONU durante unha Asamblea Xeral. Nova York, 2024.

O sistema internacional actual revela unha crise estrutural de fondo: mentres se intensifican as demandas por unha gobernanza global máis xusta e inclusiva, os poderes hexemónicos manteñen a súa negativa a reformar a arcaica estrutura do Consello de Seguridade da ONU. Esta inercia perpetúa a fragmentación do multilateralismo e debilita a capacidade colectiva para afrontar retos comúns. Neste paradoxo, súmase á emerxencia das alianzas rexionais e organismos alternativos para tentar acadar protagonismo xeopolítico. A Unión Africana, a CELAC ou os BRICS, contribúe na fragmentación do sistema multilateral actual e debilitan a capacidade colectiva para facer fronte a ameazas comúns como o cambio climático, as pandemias ou as migracións forzadas.

En definitiva, a crise do Consello de Seguridade non é só de natureza institucional, senón tamén profundamente simbólica. O seu bloqueo actual encarna unha tensión estrutural entre a necesidade dunha gobernanza global máis xusta e inclusiva, e a persistencia de arquitecturas herdadas dun mundo bipolar xa superado tras a Guerra Fría. 

Sen unha reformulación decidida dos principios que sustentan o multilateralismo, a ONU corre o risco de esmorecer na irrelevancia. O século XXI reclama unha nova arquitectura internacional que sitúe os dereitos humanos, a cooperación e a paz no centro, por riba das lóxicas de poder e dos privilexios históricos. Mentres esa transformación non chegue, a fenda entre o que o Consello de Seguridade representa e o que o mundo demanda seguirá a medrar, erosionando a súa lexitimidade e, con ela, a credibilidade da orde internacional.

Anterior
Anterior

Refuxiados climáticos: unha fronteira esquecida do dereito internacional

Siguiente
Siguiente

A política da memoria na Europa do Leste