Resiliencia e represión: mulleres atrapadas no Emirato Islámico Talibán
A situación das mulleres no Emirato Islámico de Afganistán reflicte a crúa realidade dun país atrapado historicamente entre intervencións estranxeiras, conflitos internos e unha sociedade marcada polo fundamentalismo ultra-relixioso. Dende hai décadas, as cidadás afgás loitan polos seus dereitos básicos, como o aceso á educación e ó traballo, avanzando en períodos de apertura para logo retroceder abruptamente baixo réximes represivos como o actual goberno talibán. A súa historia relata un fervente testemuño da resistencia feminina nun contexto de liberdade efémera e represión constante, influído por factores internos e externos que perpetúan esta traxedia humana.
Elas, zanân-e Afghânistân no idioma local, son o reflexo dunha loita contra as dinámicas cambiantes dun país sometido a ciclos de reforma e represión perennes dende hai un século. Xa nos anos 20, o rei Amanullah Khan tentou modernizar o país cunha serie de reformas que promovían o acceso das mulleres á educación e ao traballo mais sen conseguilo, posto que a resistencia conservadora afgá, representada polos líderes relixiosos e tribais, impediuno alegando un ataque directo ás tradicións islámicas conseguindo derrocar ao monarca sen respaldo exterior británico polo temor a unha independencia da rexión.
Este impulso modernizador reflexouse novamente nas décadas de 1960, coa Constitución de 1964 que permitía o voto feminino e o acceso a cargos públicos, e nos 70, cando Afganistán viviu outro breve período de apertura impulsado pola influencia soviética tras a Revolución de Saur, onde se vería no executivo da nova República Democrática de Afganistán a primeira muller Ministra, Anahita Ratebzad. Malia este progreso durante a invasión soviética do territorio afgá, en 1979 polarizouse de novo o país e reforzouse o poder e os valores conservadores dos islamistas no Afganistán rural, fomentando a resistencia armada dos muyahidines, “combatentes da yihad”, que derrubarán toda idea igualitaria nas zonas que comezaban a controlar.
Coa retirada soviética en 1989 e tras unha guerra civil contra os muyahidines, emerxeron os talibáns, “estudantes” en pastún, e fixéronse co control do país en 1996 establecendo rapidamente unha ollada estrita da lei islámica sharía, onde a situación da muller veríase gravemente relegada ao ámbito do fogar e eliminando os seus dereitos máis básicos. Estes fundamentalistas radicais de orientación pakistaní contaron nos seus inicios coa axuda das forzas estranxeiras occidentais como os Estados Unidos, coa Operation Cyclone que brindaría armas e financiamento ás milicias coa intención de derrocar ao goberno prosoviético e instauralos no poder, ou o Reino Unido, con declaracións de Margaret Tatcher en apoio ás guerrillas islámicas denominándoos “loitadores pola liberdade”.
Tras os atentados do 11-S en 2001, os islamistas pasaron ao bando inimigo e unha nova influencia e intervención estranxeira estableceríase no territorio. Coa inxerencia estadounidense durante máis de vinte anos, novos ventos de liberación instauráronse no territorio asiático, dando comezo a un período no que as mulleres afganas recuperaron algúns dereitos e puideron regresar ao mercado laboral e estar presentes na vida pública. A presenza militar e control das administracións por parte dos norteamericanos chegaría ao seu fin e un novo fracaso de retirada do territorio afgá derivou nunha nova volta ao poder dos talibáns e nunha maior imposición da sharía dende as institucións políticas, relixiosas e sociais, eliminando así a totalidade dos dereitos das mulleres e evidenciando a estreita ligazón da súa situación cas loitas do poder en Afganistán.
Hoxe, a situación das mulleres afganas encóntrase no peor momento en décadas ao retroceder fortemente nos seus dereitos básicos non só en educación e traballo, senón tamén na liberdade de movemento, no código de vestimenta e na súa representación civil na sociedade afgá. As leis talibáns prohíben ás mulleres dende facer deporte, coller o transporte público, elixir as súas parexas, saír a rúa sen a presenza dun maram ou home de parentesco próximo e o veto taxativo á educación, creando unha concepción talibán nas que se transforman nunhas simples sombras sumisas e obedientes aos homes.
O Emirato Islámico Talibán é o único país no mundo que prohibe constitucionalmente o acceso á educación secundaria e universitaria ás mulleres, creando unha “xeración perdida” con millóns de nenas privadas das oportunidades que a alfabetización brinda, establecendo un veto educativo feminino que restrinxe ao longo prazo o desenvolvemento social e económico da propia nación, reducindo forzosamente a súa autonomía e impedindo que as mulleres contribúan ao sustento económico das familias nun dos países que máis está sufrindo unha das maiores crisis humanitarias, con 23,7 millóns de persoas en necesidade de asistencia humanitaria e co 90% da poboación vivindo por debaixo do limiar da pobreza como mostran os datos do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).
Ao longo dos anos, o día a día das mulleres afgás foise deteriorando até estar completamente suxeito á figura do home quedando relegadas aos espazos máis marxinados da sociedade. Baixo unhas estritas normas de mobilidade ca única permisión de ir ao mercado sen acompañamento masculino ou en grupos reducidos, cunha vestimenta obrigatoria como o burka, que tapa todas as faccións das mulleres, e con actualizacións das leis como as que lles prohiben levantar o seu ton de voz declarándoo awrah ou “parte íntima” coa intención de restrinxirlle severamente a súa participación na esfera pública perpetuando a súa invisibilidade na vida diaria da sociedade afgá, móstranos como as mulleres no Emirato Islámico están a sufrir unha das maiores represións neste século XXI.
Xa nada queda desa Afganistán que comezaba a abrirse cara occidente e nas que as mulleres podían conseguir titulacións para traballar en todos os espazos da sociedade. As posibilidades de progreso das xeracións vindeiras queda reducido ás decisións da administración talibán, cun panorama que é tamén un reflexo da xeopolítica da rexión, situado entre potencias como Irán e Paquistán cuxas influencias conservadoras frean calquera avance, o Emirato segue atrapado nos intereses estratéxicos destas nacións e frean radicalmente as liberdades e os dereitos femininos.
Coas restritivas actualizacións de decretos que delimitan cada vez máis os seus comportamentos na sociedade afgá e ca imposibilidade de traballar nas ONG’s e nas organizacións humanitarias presentes no territorio, o acceso das mulleres á vida laboral péchase de novo até quedar reducidas ao ámbito do fogar cun rol puramente de coidadoras dos proxenitores.
A pesar do amplo número de prohibicións, as mulleres afgás continúan loitando por recuperar eses dereitos que algunha vez tiveron e na procura de amplialos para que as futuras xeracións vivan noutra realidade totalmente diferente á que sofren diariamente. A resistencia, os actos de desobediencia civil e as protestas nas cidades do Emirato Islámico seguen existindo a pesar dos riscos aos que se enfrontan e da violenta represión, protagonizando valentes protestas nas rúas de Kabul con esixencias como a educación, o traballo e a liberdade. O activismo feminino afgá segue mostrándonos que a loita e a determinación segue presente nunha sociedade que se resiste a ser silenciada e que a comunidade internacional mantén, agás organismos coma Amnistía Internacional que denuncia a represión talibán, a decisión de non intervención acusando a complexidade da situación rexional. Na diáspora afgá, algúns grupos de mulleres traballan inesgotablemente co obxectivo de amosar e defender os dereitos das súas concidadáns no marco internacional, simbolizando na súa loita o anhelo pola liberdade e a dignidade que manteñen a diario as mulleres en Afganistán e tentando amplificar estas voces no ámbito mundial.
A situación das mulleres en Afganistán baixo o actual réxime talibán representa unha regresión histórica e social que afecta non só os dereitos básicos das mulleres, senón tamén o desenvolvemento do país. As normas e leis coercitivas que tentan silenciar física e metaforicamente á muller afgá exemplifican as complexas perspectivas futuras de control e represión á que se enfrontan e as limitadas posibilidades de cambios estruturais na sociedade afgá. Se ben é certo que a curto prazo semella pouco probable que o réxime modere ás súas políticas, a longo prazo, a presión económica á que está sometido o país e a dependencia da axuda humanitaria podería forzar aos talibáns a realizar concesións que desencadeen nunha moderación lexislativa con respecto ás mulleres coa intención de conseguir un grao de estabilidade que permita a entrada do financiamento estranxeiro.
A transformación radical da sociedade e do marco lexislativo que defenda a liberdade e os dereitos das mulleres afgás será observable en termos longopracistas, a pesar diso, a loita feminina afgá segue o seu proceso de evasión da forte represión e prohibicións coa procura de sistemas que permitan, a través de redes clandestinas de profesoras e co uso de medios dixitais, manter vivo o coñecemento e a educación das cidadás e das novas xeracións de nenas afgás. Neste aspecto, o acceso á educación é a chave para que a nivel comunitario e rexional a muller afgá do futuro acade a independencia social e participativa nun país onde as flutuacións do poder militar e as intervencións estranxeiras están a orde do día e perxudican de maneira intensa e directa nas liberdades femininas.