O desarme do P.K.K. Un xiro decisivo na xeopolítica kurda

Seguidores do PKK celebraban na rúa as últimas decisións do seu líder dende o cárcere. Istambul, 2015.

O Partido dos Traballadores do Kurdistán, PKK (Partîya Karkerên Kurdistanê) foi unha das organizacións insurxentes máis influentes e controvertidas na historia recente da rexión de Anatolia Oriental. Fundado en 1978 baixo as directrices Abdullah Öcalan, o PKK transformouse nun movemento de liberación nacional en defensa polos dereitos de autodeterminación dun pobo, o kurdo, que históricamente foi oprimido e excluído polas autoridades e institucións turcas.

Dende a perspectiva propia, o PKK sempre se definiu a si mesmo como unha organización que tenta a liberdade sociopolítica da súa comunidade, a xustiza social e a igualdade para os kurdos. Ao longo dos anos en activo, a súa loita non só se centrará na autonomía territorial, senón tamén na mellora das condicións de vida das persoas kurdas, nun Estado turco que as marxina e exclúe da vida política, xuntamente cunha cultura e a identidade que foron suprimidas durante décadas nas institucións.

O movemento PKK, nas súas bases ideolóxicas, tamén defende unha visión que transcende o nacionalismo kurdo tradicional, ao promover valores como a igualdade de xénero, a democracia directa e a loita contra o imperialismo xunto cos abusos das intervencións estranxeiras na súa rexión. Dende esta perspectiva, consideran que a súa loita armada é unha resposta necesaria fronte á brutal represión e as violacións dos dereitos humanos cometidas polos gobernos turcos e outros actores na rexión.

Neste contexto e cunha ollada internacionalista, o PKK tamén será visto como unha forza progresista que se opón ás políticas autoritarias e centralistas do Estado turco, ao tempo que busca establecer un sistema político que permita a coexistencia pacífica e respectuosa de todas as identidades e comunidades inmersas no territorio. 

A década de 1970 do novo Estado de Turquía estivo caracterizada por unha intensa axitación sociopolítica en todos os estratos. Cun forte ambiente de tensións internas, o 27 de novembro de 1978, Abdullah Öcalan e un grupo de 25 activistas de esquerda fundaron o PKK na aldea de Fîs, preto da cidade kurda de Amed. Inspirados polas ideoloxías marxistas-leninistas e movementos anticoloniais, o seu obxectivo principal fixouse no establecemento dun Kurdistán independente que abranguese as rexións da comunidade kurda, incluíndo zonas ao longo do leste de Turquía, o norte de Iraq, o norte de Siria, o noroeste Irán e partes de Armenia. 

Este grupo étnico-cultural kurdo sufriu, ao longo de décadas, unha represión institucionalizada a nivel cultural e político contra a súa poboación, incluíndo a prohibición da súa lingua e expresións culturais, escenario que alimentou o descontento e fortaleceu a determinación e apoio da comunidade kurda cara o brazo armado do PKK.

O golpe militar de 1980 en Turquía perpetrado pola Xunta Militar ás ordes de Kenan Evren e posterior violencia política e control social, intensificou a represión contra as minorías e os movementos de esquerda, especialmente reavivando as tensións étnicas e ideolóxicas en contra do PKK. En resposta, o PKK iniciou en 1984 un movemento de insurxencia armada que rapidamente gañou apoio entre amplos sectores da poboación kurda. Nos anos seguintes, o conflito intensificouse e ampliou a súa zona de implicación, con enfrontamentos que afectaron tanto zonas rurais como urbanas, cun alto custo en vidas humanas e desprazamentos forzados por defender unha loita ligada á resistencia contra esta opresión e a protección do dereito fundamental da comnunidade kurda da súa autonomía e autodeterminación.

Abdullah Öcalan nunha imaxe de arquivo fronte a un símbolo do PKK. Diyarbakır, 1992.

Para comprender de mellor maneira a orixe e posterior radicalización do PKK debemos remontarnos a un contexto de represión sistemática contra a poboación kurda no Estado turco baixo unha administración militar. En 1980, o golpe militar intensificou a persecución dos movementos esquerdistas e nacionalistas, este suceso producirá que os órganos políticos do PKK comezasen a establecer bases no estranxeiro coa intención política dun recoñecemento internacional da súa causa e dun aumento do financiamento externo. Grazas á colaboración con grupos de resistencia palestinos como o Frente Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), o PKK obtivo un completo adestramento militar no Val da Becá, no Líbano, lugar onde Hezbulá historicamente ten un poder territorial polo que tamén puideron ampliar a complicidade entre organizacións, marcando o inicio da súa instrución e insurxencia armada.

Estes apoios ao Partido dos Traballadores do Kurdistán favoreciu, por unha parte, o respaldo internacionalista a causa kurda en defensa a autodeterminación do seu pobo e, por outra banda, a estigmatización e denominación do movemento como grupo terrorista por parte de potencias occidentais como os Estados Unidos no 1997, a Unión Europea no 2002 aínda con debates internos ou Turquía dende 1984. A internacionalización da súa causa e a resistencia ante a constante represión institucional turca do PKK convertiu a organización, dende a década de 1990, nun dos movementos militantes máis influentes e controvertidas de Oriente Medio. 

Dende a súa fundación en 1978 e baixo as directrices do seu líder, Abdullah Öcalan, convertéronse nun grupo autoreafirmado de militantes inspirados por ideoloxías socialistas e antiimperialistas, permitindo o apoio de movementos de esquerdas europeos e a solidaridade de militantes estranxeiros voluntarios ao PKK, que se uniron a esta loita armada en defensa polos dereitos da poboación kurda. 

A loita kurda comezou en 1984 cando o PKK lanzou a súa primeira ofensiva militar contra o Estado turco, atacando obxectivos militares e gobernamentais no sueste do país. Debido a esta primeira acción militar, nos anos seguintes, a organización medrou en forza e apoio popular, especialmente entre a poboación kurda rural que sufría discriminación estatal. Mais a loita kurda non consistiu en combates aillados senón que foi un conflito prolongado marcado por longos enfrontamentos armados, xunto cunha constante represión estatal e diversos esforzos fallidos de negociación.

Durante o século XX, os kurdos protagonizaron varias revoltas contra o goberno turco, pero todas foron brutalmente reprimidas. O obxectivo inicial de crear un Estado kurdo independente que defendía o PKK dirimiuse co paso dos anos por mor da evolución do conflito e o Partido dos Traballadores do Kurdistán pasou dun enfoque secesionista á loita polo recoñecemento dos dereitos políticos e culturais da poboación kurda dentro do Estado turco. Porén, Turquía respondeu con ofensivas militares e medidas de seguridade que agravaron a violencia e descriminaron a esta comunidade ao longo do tempo.

O líder ideolóxico do PKK, Abdullah Öcalan, alcumado "Apo" entre os seus seguidores, converteuse na figura central do PKK e no principal inimigo de Turquía. Inicialmente influenciado polo marxismo-leninismo, a súa ideoloxía evolucionou cara ao "Confederalismo Democrático", unha proposta que defende a autonomía local e a democracia participativa en lugar da creación dun Estado kurdo independente.

A evolución do conflito chegou a un punto de inflexión no 1999, cando Öcalan foi capturado nunha operación conxunta entre a intelixencia turca (MIT), a CIA e o Mossad en Kenia. Condenado a morte, a pena foi conmutada por cadea perpetua cando Turquía aboliu a pena capital no seu camiño cara á adhesión á Unión Europea, mais dende a súa prisión na illa de İmrali, Öcalan seguiu desempeñando un papel clave na estratexia do PKK e o Partido declarou un alto o fogo unilateral aínda que determinadas accións violentas ailladas continuaron.

Áreas de poboación kurda.

O Kurdistán é unha rexión culturalmente e etnicamente diversa que abarca partes de Turquía, Irán, Iraq, Siria e Armenia, onde reside unha importante poboación kurda. A pesar de non ter un estado soberano, os kurdos representan unha das nacións sen estado máis grandes do mundo.

Ao longo dos 40 anos de conflito, a poboación da rexión do kurdistán sofre unha sistemática e institucionalizada discriminación cultural, represión política e execucións indiscriminadas extendéndose dende Turquía en termos políticos, en Iraq militarmente e Siria como apátridas forzados. A poboación kurda representa unha das comunidades sen estado soberano que padece unha persecución máis prolongada e brutais ao longo do século XX e XXI. Aínda que dende o 2000 aumentaron os apoios internacionais á causa kurda, a represión cara esta poboación no cesou a nivel institucional, social e militar.

A seguinte fase do conflito comeza no 2004 ate 2015, tras considerar que o goberno turco non negociaba unha situación política, a facción armada do PKK elaborou varios atentados nas principais cidades turcas que modificaron negativamente a imaxe pública internacional do Partido.

A continua transformación de alianzas e apoios politico-economicos das potencias internacionais polos intereses xeoestratéxicos tamén influiu no PKK. O avance do Daesh (ISIS) en Siria e Iraq produciu que na dinámica do PKK de defensa do seu territorio participasen os Estados Unidos con apoio aéreo e distribución de armamento en combates como o de Kobanê ou en Sinjar xunto coa cooperación das YPG (Unidades de Protección Popular), o brazo armado kurdo en Siria do Partido da Unión Democrática (PYD).

Nos últimos anos, a dinámica rexional cambiou de maneira drástica para o Partido. As operacións militares turcas no norte de Iraq e Siria, xunto con alianzas estratéxicas con autoridades locais, debilitaron as posicións do PKK. Ademais, a evolución da situación en Siria, especialmente tras a caída do réxime de Bashar al-Assad o pasado decembro, alterou o equilibrio de poder, afectando as estratexias e alianzas establecidas do PKK na rexión. 

A pesar dos varios esforzos de negociacións de paz fracasados pola desconfianza mútua e á falta de garantías de cumprimento dos acordos, como entre 2013 e 2015 cando o diálogo entre Tayyip Erdogan e Öcalan derivou no colapso das conversas tras atentados no territorio turco atribuídos as faccións radicalizadas do PKK. Ademáis, dende 2016, o goberno turco lanzou intensas ofensivas militares contra as posicións do PKK no territorio turco e no norte de Iraq e Siria, alcanzando a captura de cidades chave kurdas e debilitando a capacidade operativa da organización, tamén a través das alianzas políticas entre Ankara e o goberno rexional do Kurdistán iraquí que reduciu os espazos estratéxicos do PKK.

Declaración de Abdullah Öcalan lida nunha rolda de prensa celebrada polo Partido de Igualdade e Democracia do Pobo (HDP), prokurdo. Istambul, 2025.

Este 27 de febreiro de 2025, Abdullah Öcalan, líder encarcerado dende febreiro de 1999, fixo un chamamento histórico dende a súa prisión, instando á súa organización a deitar as armas e disolverse. O mensaxe de Öcalan, transmitido por membros do Partido Democrático de Igualdade do Pobo (HDP), quenes o visitaron no seu lugar de reclusión, destacou na necesidade de que o PKK convoque un congreso para decidir a súa disolución e o abandono da loita armada, afirmando: Asumo a responsabilidade histórica deste chamamento. Este proceder representa o intento máis relevante para poñer fin ao conflito marcando un verdadeiro punto de inflexión por parte dunha das partes para rematar unha confrontación que perdura por máis de catro décadas e que cobrou a vida de máis de 40.000 persoas.

Este xesto abre a porta a posibles negociacións de paz e a unha reintegración da poboación kurda na vida política e social do Estado turco. Porén, a implementación efectiva deste desarme dependerá de múltiples factores, incluíndo a resposta do goberno turco, a disposición das faccións do PKK a acatar o chamamento de Öcalan e as dinámicas políticas rexionais. Erdogan, consciente do desgaste do conflito e das presións internacionais, aceptou retomar as negociacións co PKK baixo a condición dun desarme total. O presidente mostrou interese en resolver o conflito, posiblemente buscando apoio parlamentario de faccións pro-kurdas para promover unha nova constitución que lle permita estender o seu mandato presidencial. 

Aínda que os detalles do acordo non están completamente definidos, inclúense varios puntos:

  1. Desarme progresivo e supervisado polos organismos internacionais.

  2. Amnistía parcial para combatentes que no cometeran crímenes graves.

  3. Recoñecemento de dereitos culturais para a poboación kurda, incluído o uso do idioma kurdo na educación e administración local.

  4. Participación política dos kurdos na igualdade de condicións dentro do sistema político turco.

A pesar destas premisas, existen serias dúbidas sobre a implementación efectiva do acordo. Algúns sectores do PKK, especialmente os que operan no Kurdistán iraquí e Siria, expresaron escepticismo e desconfianza cara ao goberno turco. Pola súa parte, os nacionalistas turcos consideran calquera concesión ao PKK como unha traizón.

Aínda que persisten dúbidas sobre a implementación dun acordo de paz e a protección dos dereitos kurdos en Turquía, un proceso de paz sostible requirirá abordar as demandas históricas da poboación kurda, incluíndo o recoñecemento da súa identidade cultural, os seus dereitos lingüísticos e unha maior autonomía política. É necesario comprender que a minoría kurda é o grupo étnico non turco máis grande en Turquía, representando ao redor do 15-20% da poboación do Estado turco e, a pesar da súa dimensión sociopolítica, historicamente o Goberno turco negou durante décadas a existencia da identidade kurda chegando a prohibir o idioma kurdo na educación e nos medios de comunicación ate finais do século XX.

A comunidade internacional tamén xogará un papel crucial, xa que o seu apoio podería facilitar o diálogo e garantir que se respecten os dereitos humanos durante a transición. O reto principal é garantir unha transición pacífica que inclúa xustiza para as vítimas do conflito, respecto polos dereitos kurdos e estabilidade rexional aínda que a resposta ao chamamento de Öcalan foi variada. Mentres algúns sectores celebran a posibilidade de paz e melloras nos dereitos democráticos da poboación kurda, outros expresan escepticismo debido á falta de detalles sobre como se implementará o desarme e que garantías se ofrecerán aos combatentes do PKK.

Ademais, a disolución do PKK podería ter repercusións na rexión, especialmente en Siria, onde as Unidades de Protección Popular (YPG), vinculadas ao PKK, controlan territorios no nordeste do país polo que un acordo de paz podería influír positivamente para Turquía na dinámica de seguridade en Siria e nas relacións entre o Goberno turco e Estados Unidos, dado o apoio estadounidense ás forzas kurdas na loita contra o Estado Islámico.

A poboación kurda celebra a decisión da disolución do PKK e prevee unha expédita solución da súa situación no Estado turco. Diyarbakır, febreiro 2025.

Reflexión

A traxectoria do PKK reflicte as complexidades inherentes aos movementos de liberación nacional en contextos de represión e negación de identidades culturais. Aínda que a loita armada foi vista inicialmente como un medio necesario para resistir a opresión, as transformacións políticas e sociais suxiren que as vías pacíficas e democráticas poden ofrecer solucións máis duradeiras e xustas.

O concepto de "Confederalismo Democrático" proposto por Öcalan presenta unha alternativa ao modelo tradicional de Estado-nación, poñendo o énfase na autonomía local e na democracia directa. Esta proposta convida a repensar as estruturas políticas en rexións multiétnicas e multiculturais, promovendo a convivencia e o respecto mutuo entre diferentes comunidades.

Porén, a transición dunha loita armada a un movemento político pacífico enfronta desafíos significativos. A desmobilización dos combatentes, a reconciliación coas comunidades afectadas polo conflito e a construción de confianza entre as partes son procesos complexos que requiren tempo, compromiso e vontade política.

En síntese, o chamamento de Abdullah Öcalan a disolver o PKK e cesar a loita armada representa unha oportunidade histórica para poñer fin a décadas de violencia, represión e sufrimento. Así a todo, a materialización dunha paz duradeira dependerá da capacidade de todas as partes involucradas para abordar as raíces do conflito, recoñecer os dereitos e aspiracións da poboación kurda e construír un futuro baseado na xustiza, a igualdade e o respecto mutuo.

Anterior
Anterior

Entre a retórica e o poder real da comunidade internacional

Siguiente
Siguiente

A xeopolítica da industria bélica: negocio, alianzas e estratexias