A xeopolítica da industria bélica: negocio, alianzas e estratexias

Cargamento de material militar nunha aeronave C-130 estadounidense de transporte táctico. Muwaffaq Salti Air Base (Xordania), 2024.

Dende as guerras mundiais do século pasado, o comercio armamentístico elevouse a unha nova esfera transformándose plenamente nunha industria globalizada que outorga grandes beneficios económicos a todos os actores involucrados.

Lucrativa e transfronteiriza, a actual factoría bélica xoga un papel chave na xeopolítica internacional, misturando a alta rendabilidade económica ca influencia polos intereses políticos, estratéxicos e militares. Ca posibilidade de produción e distribución do equipamento militar os estados tentan, á marxe da rendabilidade económica privada e institucional que supón, utilizar a industria armamentística como baza de expansión da súa influencia xeopolítica en diferentes territorios.

O aumento da produción armamentística e a innovación tecnolóxica contribúen a unha militarización constante e á perpetuación de conflitos no contexto global. Neste eixe, un dos máis amplos mercados mundiais de equipamento militar concéntrase na rexíón de Oriente Medio, onde as rivalidades xeopolíticas e os intereses económicos son visibles entre estados como Arabia Saudita, Irán, Turquía, Israel ou Exipto; fomentando unha dinámica activa para situarse na posición máis avanzada na “carreira armamentística” de produción e distribución.

A imposición de intereses políticos e militares a través do negocio armamentístico está á orde do día, principalmente nestas áreas de tensión xeopolítica onde a subministración de armamento pode chegar a dirimir a estabilidade rexional cara un bando ou outro. Estas conveniencias son claramente apreciables en países como Líbano, Iraq, Siria ou Palestina nos que se sucede un apoio exterior xunto cun rédito xeopolítico no interior do territorio.

Envío de armamento estadounidense con destino a Oriente Medio. Joint Base Charleston, Carolina do Sur (Outubro 2024)

A consolidación e ampliación desta industria bélica conformouse durante a Guerra Fría. O aumento e demostración da forza disuasoria dunha carreira armamentística sen precedentes entre o bloque estadounidense e o soviético, fomentou a proliferación de armas nucleares influenciando profundamente nas conflagracións e na arquitectura estratéxica global.

A desintegración da Unión Soviética non supuxo unha redución do negocio armamentístico, senón que entraron en xogo os países emerxentes e reorientouse o mercado cara diversas zonas de conflito. Ademais, os atentados do 11-S nos Estados Unidos implicou unha longa “guerra contra o terrorismo” por parte da primeira potencia mundial en termos de exército e fábricas de armas, marcando unha nova etapa de expansión no sistema de produción bélico cunha industria en constante crecemento.

No contexto recente no mercado global de defensa adéntranse novas potencias. Por unha banda China, que aumentou a súa fabricación tecnolóxica-militar a través de empresas baixo o control estatal como Norinco (produtora de carros de combate, vehículos blindados e munición); Aviation Industry Corporation of China, AVIC (fabricante de cazas Chengdu J-20); ou China State Shipbuilding Corporation, CSSC (principal fabricante de buques de guerra e submarino). 

Por outra banda Rusia, herdeira do arsenal soviético que dende a súa recuperación económica reforzaría a súa factoría armamentística e situaríase como un dos grandes produtores con empresas como Uralvagonzavod (a maior fábrica de tanques do mundo cos seus T-90); Kazan Aircraft Production Association, KAPO (produtora dos bombardeiros Tupolev); Izhmash (fabricante orixinal dos rifles Kalashnikov, AK-47 E 74); ou Almaz-Antey (especializada nos sistemas antiaéreos S-400 que Rusia exporta a todo o mundo).

Así mesmo, a Unión Europea tamén é un dos principais fabricantes e exportadores das capacidades militares existentes no mundo. No Reino Unido, BAE Systems é unha das máis relevantes na fabricación de submarinos nucleares; en Francia, Dassault Aviation elabora cazas Rafale; en Italia, Leonardo-Finmeccanica produce helicópteros e sistemas elctrónicos militares; e na Alemaña aparece Rheinmetall, subministradora da munición empregada por Ucraína na actualidade.

O Estado español tamén participa activamente na factoría armamentística mundial ocupando un lugar destacado na exportación de material de defensa a través das empresas: Santa Bárbara Sistemas, GDELS (produtora de vehículos militares blindados Leopard-2E), Navantia (fabricante de pezas militares no ámbito naval), Indra (construtora de tecnoloxía militar e sistemas de radar empregados no Eurofighter e F-110), Maxam Defense (xigante alemá que fabrica munición e explosivos militares na súa factoría asturiana) ou a sede española de Airbus Defence & Space (fabricante de avións de transporte militar).

A industria de defensa militar distribúese ao redor do mundo (tamén en países como Turquía, Israel ou Corea do Norte) implicando aos estados como axentes directos e indirectos nos conflitos activos e latentes actuais. O desenvolvemento dunha ampla rede de produción-distribución ao redor do mundo involucra a moitos estados e completa un mercado multimillonario ao tempo que é un sector estratéxico na xeopolítica actual. 

Fabricación de proxectís de artillería de 155 mm HE DM121 producidos pola empresa Rheinmetall. Düsseldorf, 2024.

Os rexistros do ano 2023 certifican que o gasto militar superou os 2 billóns de dólares a nivel mundial (sendo os principais exportadores Estados Unidos, Rusia, Francia, China e Alemaña) e na actualidade, expándese a diversos sectores como a ciberseguridade ou a tecnoloxía espacial, consolidando unha constante dependencia estratéxica entre importadores e exportadores.

A xeopolítica das armas corresponde a unha serie de alianzas e tácticas determinadas pola venda e subministración de equipamento que non é neutra. As estratexias empregadas polos países produtores consolídanse ao redor das influencias rexionais que tentan establecer os países nos territorios onde se distribúe a panoplia da industria armamentística.

A manobra utilizada con frecuencia ciméntase no “triángulo armamentístico”, un proceso complexo no que interactúan os gobernos soberanos e as súas forzas armadas, as corporacions militar-industriais e os axentes non estatais. A implicación dos denominados frecuentemente como “líderes da guerra”, xogan un papel importante nos contextos xeopolíticos nas rexións onde as potencias non poden internarse de maneira directa e involucran a terceiros axentes no conflito. Estes actores son principalmente os representantes das faccións armadas ou grupos paramilitares con control territorial, loxístico ou humano nas zonas xeográficas, polo que a “complicidade” mútua é chave para os estados que tentan integrarse e facerse co control territorial.

Por medio deste negocio bélico, as transaccións de equipamento realízanse evitando a supervisión de entidades supranacionais e xudiciais. Coa venda armamentística “clandestina” os estados logran distribuir nas zonas de conflito o material necesario que lles permita manter unha influencia indirecta nas faccións involucradas na rexión e achegarse aos seus seus intereses xeopolíticos eludindo calqueira modelo de sanción ou restricción dos organismos internacionais.

Este tipo de política armamentística permite ao material bélico, principalmente de orixe estadounidense, ruso e europeo, chegar a mans dos axentes non estatais implicados directamente nos enfrentamentos sen necesidade de intermediarios rexistrados. O armamento ruso é facilmente observable nos países onde a relación militar é máis cercana: Irán, Siria, Venezuela ou Corea do Norte. Por outra banda, a subministración bélica estadounidense a aliados como o Goberno sionista, a administración taiwanesa ou ao exército nacional ucraíno, así como a faccións concretas como fixeron cos talibáns durante a década dos 90 en Afganistán, demostra a relevancia xeopolítica e económica que ten esta estratexia en termos diplomáticos e disuasorios. 

Explosión durante un ataque aéreo israelí que tivo como obxectivo un barrio do sur de capital libanesa. Beirut, novembro 2024.

O recente e débil alto ao fogo entre o Estado sionista e Hamás no conflito enquistado da rexión palestina evidencia os constantes impulsos da industria armamentística internacional de manter e intensificar os enfrontamentos no actual mundo multiactivo. Os espazos xeopoliticamente estratéxicos entran na palestra para arrasar con calqueira acordo internacional, tratado armamentístico de post-guerra ou acción legal revisable pola Corte Internacional de Xustiza contribuíndo á prolongación das hostilidades.

No caso do Executivo sionista ultraconservador, a tecnoloxía militar é financiada enormemente polos Estados Unidos, testada en conflitos como o de Gaza e exportada a outros países a través de acordos estratéxicos. Isto abre o debate sobre o cumprimento dos criterios diplomáticos na exportación de armas, especialmente en termos de dereitos humanos e estabilidade rexional. Por iso, no contexto actual do réxime de Netanyahu no territorio gazatí, é posible observar ate 8 puntos onde os contratos internacionais son profanados e financiados co respaldo doutras potencias mundiais:

1. Respecto polos compromisos e obrigas internacionais

A exportación de armamento está teoricamente regulada por diversos tratados e acordos internacionais, incluíndo o Tratado sobre a Non Proliferación Nuclear, a Convención sobre Armas Químicas e Biolóxicas e o Acordo de Wassenaar. 

O Goberno de Netanyahu mantén unha política ambigua respecto ao seu programa nuclear e non forma parte do Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP), xerando preocupación na comunidade internacional. Ademais, malia que existen embargos de armas sobre grupos armados en Gaza, o fluxo de tecnoloxía militar segue sendo constante a través das grandes potencias como os Estados Unidos ou Reino Unido que seguen mantendo un forte apoio á entidade sionista.

2. Respeto polos Dereitos Humanos e o Dereito Internacional humanitario

O conflito palestino-israelí está marcado polas mútuas acusacións de violacións dos dereitos humanos. O uso de armamento avanzado para os ataques perpetrados na Franxa de Gaza e Cisxordania xerou denuncias por parte de estados como Sudáfrica e Irlanda ou organizacións como Amnistía Internacional e Human Rights Watch, que sinalan a posibilidade de crimes de guerra. A exportación de armas a réxime sionista debería someterse a un exame rigoroso, xa que foron empregadas en operativos militares que inclúan bombardeos sobre civís e ataques a infraestruturas críticas e a UNRWA, a Axencia das Nacións Unidas para os refuxiados Palestinos nas súas siglas en inglés.

3. Existencia de tensións e conflitos armados

A exportación de armas a esta rexión non só mantén a inestabilidade, senón que contribúe á prolongación do conflito e ás escaladas constantes e neste contexto, o núcleo da industria armamentística estadounidense ten un papel preponderante. Empresas dos Estados Unidos como Lockheed Martin, Boeing ou Elbit Systems benefícianse deste comercio subministrado tecnoloxía militar actualizada ao réxime sionista.

4. Preservación da paz e estabilidade rexionais

O armamento adquirido pola Administración sionista foi e será empregado nos diferentes operativos militares das forzas de ocupación IDF, que comprenden ataques contra o territorio soberano de Siria, Líbano ou Irán, aumentando as tensións rexionais. Os Estados membros da UE, ao avaliar a concesión de licenzas de exportación, son partícipes e contribúen indirectamente á inestabilidade no Oriente Medio e xogan nun terreo perigoso de escalada do conflito a un nivel xeográfico máis amplo.

5. Seguridade nacional dos Estados membros

O fluxo de armas con dirección ao gabinete ultraconservador israelí non só afecta a seguridade territorial senón que pode comprometer a seguridade dos propios exportadores. O equilibrio estratéxico entre os aliados do réxime sionista e os seus opoñentes é volátil, e a venda de tecnoloxía militar a un país inmerso nun conflito constante supón riscos de repercusións xeopolíticas globais.

6. Comportamento internacional do Estado sionista

A política exterior do Executivo sionista é obxecto de críticas pola súa actitude ante o dereito internacional. A constante expansión dos asentamentos en Cisxordania e o trato aos palestinos xeraron tensións coas Nacións Unidas e a Unión Europea. A exportación de armas a un estado con antecedentes de incumprimento de resolucións internacionais pode é interpretada por unha ampla parte da sociedade como unha falta de compromiso cos principios do dereito internacional humanitario e respaldada a través da apertura de procedementos por Xenocidio e Apartheid na Corte Internacional de Xustiza impulsado por Sudáfrica e respaldada por outros países.

7. Risco de desvío ou reexportación non desexada

A tecnoloxía militar que a entidade sionista recibe, ademáis de utilizala en terreo palestino, é transferida a outros estados e grupos aliados incrementando o risco de proliferación armamentística na rexión. Por exemplo, certas tecnoloxías desenvolvidas nas corporacións en Tel-Aviv foron vendidas a Exipto, Acerbaixán ou India, xerando novas dinámicas estratéxicas e posíbeis riscos de uso en conflitos rexionais.

8. Compatibilidade coa capacidade económica do Executivo de Netanyahu

O Estado sionista ten unha das economías máis avanzadas de Oriente Medio, pero o seu elevado gasto militar en comparación con outras necesidades sociais xerou críticas dentro da sociedade israelí. O investimento en defensa supera amplamente o orzamento destinado a servizos sociais, o que levou a debates internos sobre a conveniencia dun modelo económico tan centrado na industria armamentística, sendo este aspecto un dos factores chave para chegar ao recente alto ao fogo con Hamás e ao intercambio de reféns.

A Corte Internacional de Xustiza (órgano xudicial da ONU) emitiu medidas provisionais urxentes en resposta á demanda formal de Sudáfrica por vulnerar a Convención sobre a Prevención e a Castigación do Delito de Xenocidio.

A súa autoridade vese cuestionada no Dereito Internacional pola demora dun fallo definitivo. A Haia (Países Baixos), 2024.

Como podemos observar tanto nos conflitos activos que implican enfrontamentos belixerantes activos como nos conflitos conxelados que presentan situacións de inestabilidade tras o cese da confrontación armada, a industria armamentística é un dos principais motores da xeopolítica global combinando intereses estratéxicos e beneficios económicos. 

O seu papel na perpetuación dos conflitos é innegable debido a estreita relación entre produción, comercio e guerra. A imposición de restricións máis estritas e a fiscalización das exportacións son necesarias para minimizar o impacto da industria bélica sobre a seguridade global e os Dereitos Humanos.

Neste sentido, os organismos internacionais xogan un papel fundamental na regulación da industria armamentística, sendo chave a implementación de restricións máis estritas e a fiscalización das exportacións de armamento. A imposición de sancións internacionais a países que infrinxen os tratados sobre o comercio de armas, ou que participan na subministración de material bélico a actores non estatais, resulta esencial para minimizar o impacto negativo que a proliferación descontrolada de armas ten sobre a Seguridade Internacional e os Dereitos Humanos. Organismos como a ONU e o seu órgano xudicial, a Corte Internacional de Xustiza, deben intensificar os seus esforzos para garantir que as normas internacionais sexan respectadas e para sancionar de maneira eficaz aos actores que non cumplan coa súa responsabilidade en termos de control armamentístico.

Mentres os estados sigan priorizando o poder militar sobre a diplomacia, a industria armamentística continuará sendo un factor determinante na definición da xeopolítica, alimentando tanto conflitos activos como conxelados. Neste marco, as medidas de control e sanción deben ser unha prioridade para evitar que as grandes potencias ou actores emerxentes utilicen o comercio de armamento como ferramenta para perpetuar a súa influencia territorial, ao tempo que se preserva a estabilidade e a paz rexional. Só a través dun reforzo das intervencións internacionais e unha maior cooperación global será posible reducir o impacto dunha “carreira armamentística” que, no futuro inmediato, continúa a definir as relacións internacionais e a reactivar disputas ao redor do mundo.

Anterior
Anterior

O desarme do P.K.K. Un xiro decisivo na xeopolítica kurda

Siguiente
Siguiente

Lista de espera en Mar-a-Lago