Lista de espera en Mar-a-Lago

 

Á encrucillada xeopolítica mundial engádeselle un novo integrante coa reelección do magnate populista, Donald Trump, tras os resultados nas eleccións de novembro de 2024. O esceario político trumpista está servido e representará un verdadeiro punto de inflexión nas relacións transatlánticas, nas conflagracións activas e na configuración da orde mundial do século XXI.

A “tormenta” Trump achégase ás costas de Florida, lugar onde se ubica a súa residencia persoal en Mar-a-Lago, coa previsión de tocar terra dende os primeiros meses da súa administración. Con promesas populistas propagadas polos medios afíns e ca axuda do multimillonario propietario da principal rede social X, Elon Musk, o impacto do temporal definirá unha nova era de unilateralismo estadounidense a nivel mundial. 

O segundo mandato de Trump será totalmente diferente ao anterior por razóns específicas. Por unha banda, obtivo o control case total das principais cámaras de goberno norteamericano co dominio no Congreso e no Senado grazas a maioría electoral, contará tamén co mando do Tribunal Supremo podendo nomear novos xuíces a cargo vitalicio que continuarán coa tendencia conservadora da cámara e, por outra banda, acadou o poder absoluto dun partido republicano totalmente aducido polo movemento ‘MAGA’, Make America Great Again, que el deseñou e aos que se engadiron os persoeiros reaccionarios de Sillicon Valley, os nacionalistas en anti-establishment ou Elon Musk.

Desta maneira, Trump entra no seu último mandato ca potestade en sectores chave e co apoio incondicional dos seu seguidores, aos que posicionará en cargos de relevancia na súa administración, permitíndolle ter vía libre para activar as súas medidas e aprobar unhas políticas que facilmente poden desviarse cara unha deriva autoritaria.

En certo modo, as políticas multirateralistas de reforzo das alianzas internacionais da administración Biden quedarán nun segundo plano se non compaxinan cas decisións e intereses do magnate. O unilateralismo do America First intensificarase nas presións internacionais dende o aumento do gasto en defensa dos aliados da OTAN ata un maior proteccionismo nas políticas arancelarias e, con respecto as decisións bilaterais tan características durante o anterior mandato trumpista, as negociacións e alianzas xogarán unha relevancia vital para todas as nacións pendentes do financiamento ou apoio armamentístico norteamericano.

A volta ás relacións unilaterais entre Estados Unidos e Rusia serán chave para rebaixar as tensións xeopolíticas e cesar os conflitos actuais. Moscova, 2017.

A política internacional sempre é un espazo de intensa negociación onde existe un xogo entre intereses nacionais e individuais, por iso, a lista de espera para concretar reunións na Casa Branca non cesará de aumentar durante os catro últimos anos nos que Trump estará como presidente da principal potencia mundial. Os encontros gobernamentais cos aliados produciranse nun contexto de tensión internacional constante no que os mandatarios deberán traducir as súas premisas en beneficios estratéxicos nos que predomine a cooperación co obxectivo de rebaixar as ameazas nucleares crecentes.

A perspectiva do mandato de Trump suxire unha transformacións na política exterior que conduce aos Estados Unidos a forzar un novo ciclo de cambio a nivel mundial en termos económicos, militares e estratéxicos. Á situación actual de polarización global agrégase a chegada ao poder dun multimillonario que pretende facer saltar polos aires todos os acordos multilaterais prometendo redeseñar alianzas de maneira autónoma, intensificar determinados conflictos político-económicos e redefinir o rol dos Estados Unidos máis alá das súas fronteiras.

Mentres que os aliados tradicionais tentan reconfigurar as súas estratexias e posicións coa intención de reducir a dependencia de Washington D.C., os principais aspirantes a trocarse na primeira potencia mundial, a China de Xi Jinping e a Rusia de Vladímir Putin, aproveitan para fortalecer as súas posicións conxuntas por medio das achegas xeoestratéxicas que lles conceden as aprobacións de acordos bilaterais e alianzas económicas entre os dous países.

No ámbito Asia-Pacífico pódense observar dúas vías de confrontación. Por unha banda, a posición de Taiwán pretende ser unha chave norteamericana para entrar nun conflicto rexional onde China non aceptaría ningunha ameaza e Washington entrarían en disputa directa co país líder dos BRICS. Pola outra banda, Trump tenta estimular unha maior guerra comercial co xigante asiático cas súas políticas proteccionistas no eido da fabricación e exportación de vehículos, na produción de aceiro e na industria aeronáutica, o que signficaría unha batalla a curto prazo pola hexemonía comercial mundial entre ambas potencias e engadirá novos retos á economía mundial.

Se nos trasladamos ao contexte europeo, a guerra ruso-ucraniana supón un desafío significativo para o discurso trumpista. Trump, nun xiro estratéxico, propón o ingreso de Ucraína na OTAN por un período limitado, co obxectivo de acelerar o fin do conflito e mitigar os custos económicos e armamentísticos que este supón para os Estados Unidos.  Aínda que a posición dos Estados Unidos na guerra non mude baixo o liderado de Trump, non é allea a relación que mantivo co presidente Putin durante o seu anterior mandato e que estivo marcada por acordos bilaterais e a polémica influencia rusa nas eleccións de 2016, suxerindo crear novos desequilibrios que de forma indirecta beneficien os intereses de Moscova.

Zelenski deberá convencer a Trump co seu Victory Plan para manter un apoio estadounidense vital para Ucraína.

Washington, 2024.

Tal e como prometiu na populista campaña,  Donald J. Trump, freará exponencialmente a axuda militar a Ucraína e obrigará aos países otanistas ao respectivo aumento xeral do gasto en defensa, abrindo un novo paradigma no que Europa teña que conseguir unha autonomía estratéxica que leva décadas intentando afianzar no continente. O desinterese e escepticismo trumpista sobre a OTAN faise cada vez máis notábel e o presidente Zelenski deberá mudar as estratexias e retocar as medidas para que Trump aprobe o seu Victory Plan, forzando a unha activación dos países europeos no eido militar debido ao debilitamento da cooperación norteamericana con Ucraína.

Na lembranza seguen os episodios de unilateralismo norteamericano do anterior mandato de Trump, nos que a súa administración priorizaba os intereses nacionais por riba da chegada de acordos multilaterais. Coa actual configuración conservadora do Tribunal Supremo dos Estados Unidos o inquilino da Casa Branca non desestima unha eventual saída estadounidense da Alianza Atlántica, o que provocaría un verdadeiro tremor xeopolítico no que os aliados otanistas necesiten acometer un reforzo significativo dos seus orzamentos en defensa e avanzar na redución da dependencia estrutural norteamericana, un escenario que podería mesmo poñer en risco a continuidade da propia organización. 

O enfoque político do magnate reflicte un profundo pragmatismo, mais tamén un notable desinterese polas implicacións humanitarias e éticas das súas accións. No caso de Oriente Medio, o seu apoio incondicional á administración sionista de Benjamin Netanyahu está fóra de dúbida dende 2017, data na que recoñeceu a Xerusalén como capital do Estado de Israel e trasladou a embaixada estadounidense á cidade, unha zona en eterna disputa  e epicentro do conflicto palestino-israelí. Este apoio militar continuado responde tanto ás presións das élites xudeas nos Estados Unidos, que manteñen unha grande influencia económica dende o século pasado, como por razóns xeoestratéxicas nunha zona onde pretenden contrarrestrar a influencia rexional de Irán como potencia antagónica e de países cun papel decisivo como Exipto, Líbano ou Turquía.

A relación Israel-EEUU estreitarase e o apoio económico-militar será permanente coa administración Trump na Casa Branca. Washington, 2018.

A súa insistencia en tratar aliados como socios comerciais e rivais como oportunidades estratéxicas revela unha visión puramente utilitaria das relacións internacionais a prol dos Estados Uunidos. Historicamente, Washington mantivo unha alianza incondicional a Israel promorcionándolle apoio militar e respaldo diplomático, contrarrestando cunha postura agresiva contra Irán que poderían exacerbar as tensións rexionais na actualidade máis do que xa aumentaron ao longo dos derradeiros meses de 2024. Durante o seu primeiro mandato, Trump fortaleceu os lazos con Israel, recoñecendo Xerusalén como a súa capital e promovendo os Acordos de Abraham, mais recentemente, instou ao primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a poñer fin á guerra en Gaza nun prazo de dous meses dende que subise á presidencia e semella que boa parte do débil alto ao fogo recente ben apoiado por Trump e polos diplomáticos Exipcios e Sauditas en Catar.

A dinámica complexa na rexión, accentuada co recente apartheid palestino instaurado na Franxa de Gaza e coa caída do réxime de Bashar al Asad en Siria atribuída á debilidade de Irán e Rusia, xustifican as recentes tensións xeopolíticas que tenta alterar o débil equilibrio instaurado no Oriente Medio dende as intervencións estranxeiras do século XX.

Ademais, a reaparición na palestra do ultra defensor do Estado de Israel como secretario de Estado, Marco Rubio, suxire unha política exterior proclive ás premisas de Netanyahu especialmente contra Irán, complicando cada vez máis os mecanismos de cooperación internacional e os esforzos humanitarios na rexión.

En definitiva, o retorno de Donald Trump á Casa Branca promete un período de cambios na política exterior estadounidense e grandes terremotos xeopolíticos que repercutan en profundas implicacións nas alianzas internacionais, polo que os líderes mundiais deberán tentear as decisións da nova administración americana e navegar nunha paisaxe diplomática complexa.

Anterior
Anterior

A xeopolítica da industria bélica: negocio, alianzas e estratexias

Siguiente
Siguiente

Ucraína-Rusia. Unha guerra que redefine o equilibrio xeopolítico.