Estratexias de poder no Indo-Pacífico

Xi Jinping recibindo a Donald Trump na visita a China no seu primeiro mandato. Beijing, 2017.

Na constante marexada de ameazas e disputas diplomáticas da xeopolítica mundial, a seguinte pasaxe lévanos dirixir a ollada á rexión do Indo-Pacífico. Un espazo onde as rutas comerciais da globalización do século XXI, composta economicamente polo intercambio dixital e basada na innovación tecnolóxica, conforman os estandartes das políticas nacionais.

Nesta área de confrontación, onde se entrelazan os intereses da gran potencia hexemónica mundial, os Estados Unidos, e a aspirante a riparlle o trono, a República Popular China, tamén é un escenario de contraposición entre dous modelos socioeconómicos enfrontados. No centro desta encrucillada emerxe Taiwán, un arquipélago estratéxico en constante disputa e que será chave no taboleiro xeopolítico das vindeiras décadas. A soberanía da illa de Formosa, nomeada así polos navegantes portugueses do século XVI, transfórmase nunha cuestión de principios ideolóxicos e políticos que afecta tanto as potencias rexionais como a estrutura do orde mundial establecido para este século XXI. 

O seu status indeterminado, exemplifica o conflito entre sistemas politico-ideolóxicos opostos, onde a Administración Trump ampara un enfoque de contención da ascensión chinesa a través dunha guerra arancelaria directa e o aumento da presenza rexional mediante alianzas e bases militares, e a xestión de Xi Jinping pasa pola consideración dunha integración da rexión taiwanesa ao territorio soberano do seu goberno. Os intereses xeopolíticos e imperialistas de ámbalas dúas partes tradúcense en continuas ameazas  ao equilibrio territorial con manobras de disuasión e un aumento da presenza militar na zona. Xa que logo, a alimentación recíproca das dinámicas de confrontación a nivel político e económico elevan as tensións nesta rexión chave na xeopolítica actual.  

Deste xeito, a soberanía territorial dunha zona que abarca dende o sueste asiático até as costas do Pacífico Occidental está en xogo. En concreto, Taiwán non é unha illa calquera, a súa relevancia estratéxica e valor histórico  remóntase ás dinámicas coloniais do século XIX, cando potencias europeas como Gran Bretaña e Francia estableceron rutas comerciais que conectaban Asia co resto do mundo. Máis adiante no tempo, o impacto da II Guerra Mundial foi duradeiro na rexión, a derrota do Imperio Xaponés na guerra e o intervencionismo territorial dos Estados Unidos, provocaron a reconfiguración das liñas de influencia do continente e deixaron unha marca indeleble nas dinámicas de poder territoriais. 

Así, a rexión do Indo-Pacífico restou fortemente influenciada polas potencias occidentais que atoparon en Asia un lugar de relevancia estratéxica no que confrontar as dinámicas xeopolíticas dos bloques capitalista e comunista, elevando a militarización da rexión. Por unha banda, os Estados Unidos implantaron bases militares en Xapón, Corea do Sur e crearon alianzas con axentes importantes como Nova Zelandia ou Australia co Tratado de Defensa Colectiva de Asia-Pacífico (ANZUS) ou a Organización do Tratado do Pacífico Sudoeste (SEATO) para expandir a súa influencia. Pola outra banda, o bloque comunista liderado pola URSS e no que se agregou China despois da revolución comunista, estableceron alianzas militares e ideolóxicas con países como Vietnam, Corea do Norte ou Laos, elevando unhas tensións estratéxicas que remataron en conflagracións civís nas que interviñeron directamente ámbolos dous bloques. A Guerra Fría conververteu as rexións da península de Corea, o sureste asiático e Taiwán en puntos de disputa continua e a intervención militar en dogma para as potencias.

Neste contexto, o arquipélogo de Taiwán xogou un papel central no Indo-Pacífico, concretamente tras a victoria comunista en China en 1949. A creación da República Popular Chinesa baixo a dirección de Mao Tse Tung, fixo de Taiwán un refuxio para o goberno no exilio do Kuomintang e o seu líder, Chiang Kai-shek. O KMT, implantou nos inicios un réxime autoritario e considerou oficialmente á illa como a verdadeira República China que, co paso das décadas, foise transformando nun baluarte de democracia e liberdade baixo o “paraugas liberal” dos Estados Unidos, mantendo o enfrontamento diplomatico co Goberno de Beijing ate os nosos días.

A renovación da relevancia estratéxica e a súa ubicación vital para o comercio, nun dos estreitos máis importantes do Indo-Pacífico, fai que a illa de Taiwán sexa un peón esencial no taboleiro das potencias mundiais. Ademais, outra das chaves é a industria taiwanesa, que produce máis do 60% dos semiconductores a nivel mundial, posicionándose como peza fundamental para as cadeas de subministración tecnolóxica internacionais e a estabilidade económica global. Por iso, a soberanía do enclave insular ten implicacións  que trascende as fronteiras marítimas.

O porto de Shanghai, un dos máis transitados do mundo, abre as portas ao mar da China Oriental onde tamén se atopa o arquipélago de Taiwán.

Na actualidade, o Indo-Pacífico é o escenario onde conflúen principalmente as ambicións polo trono do novo orde mundial da República Popular China, a potencia emerxente, e os Estados Unidos, a potencia establecida. O escenarios de enfrontamento económico-militar engade unha novo espazo a nivel ideolóxico. A ascensión de China Popular como potencia global, ca súa estrutura profundamente centralizada de gobernanza en prol do desenvolvemento económico socialista, desafía directamente o neoliberalismo capitalista de dominación imperialista que lidera Estados Unidos. Nesta palestra, Taiwán érguese no Indo-Pacífico como un “símbolo” de integridade nacional e bríndaselle, por parte dunhas potencias occidentais que non a recoñecen como país soberano por mor da política de contención diplomática de “unha China”, a carga simbólica de liberdade e democracia.

As incongruencias nos termos sempre estarán nas cadeiras onde se sentan os líderes mundiais, sobre todo nun territorio de constante tensión como o Indo-Pacífico, mais os discursos das potencias persistirán na relevancia estratéxica de Taiwán. Pola súa parte, a República Popular China considera o territorio como emblema da súa integridade nacional dende a vitoria comunista en 1949 mantendo o obxectivo da reunificación como irrenunciábel. No outra cara da moeda, os Estados Unidos consideran que a estabilidade na rexión é esencial para a seguridade global, mais as políticas arancelarias establecidas por Trump e as proclamas imperialistas do seu gabinete para minguar o ascenso imparable de China,  convidan a que ollemos cara esta zona do mundo ante unha posíbel aumento das tensións.

O status quo na rexión do Indo-Pacífico reflicte os diversos compromisos políticos, militares e, sobre todo, económicos dos xigantes mundiais. A oposición recíproca de expansión militar na zona, evaluada mediante os exercicios de disuasión e alianzas estratéxicas como o QUAD  (Estados Unidos, Xapón, India e Australia), revelan o paradigma de diplomacia coercitiva que se está a despregar. Así, a reconfiguración da orde internacional pasará, máis cedo que tarde,  a través da dinámica de aumento do poderío militar e das medidas implantadas en cuestión de política arancelaria que apliquen cada unha das partes para neutralizar as respectivas expansións económica e militar. 

Anterior
Anterior

A política da memoria na Europa do Leste

Siguiente
Siguiente

A Unión Europea do “kit” de supervivencia. Un actor global autónomo ou unha peza subordinada?