A Unión Europea do “kit” de supervivencia. Un actor global autónomo ou unha peza subordinada?

Nun contexto de crecente incerteza, asupiciado en conxunto polos discursos da Administración Trump e o mandatario con tintes zaristas do Kremlin, no que tamén reclaman participación as potencias emerxentes, a Unión Europea enfróntase á necesidade urxente de redefinir o seu papel no xogo xeopolítico global e acada máis influencia preguntándose: como é doado avanzar para lograr unha verdadeira independencia estratéxica?

O futuro do continente parece estar marcado por unha encrucillada decisiva, onde a vella pregunta sobre a súa soberanía e seguridade vólvese máis aguilloada para actuar. Décadas atrás, Alemaña tentou tomar as rendas do liderazgo europeo, cun proxecto de defensa común que finalmente viuse eclipsado pola complexidade dos intereses nacionais e a resistencia de actores chave, como Francia e o Reino Unido. Pero, no contexto actual, onde as ameazas proceden tanto do Este (Rusia) como do Oeste (Estados Unidos), o que se demanda é unha maior cohesión entre os membros da UE, que non pase só por discursos grandilocuentes sen substancia. 

Europa non pode seguir a ser un actor secundario no escenario xeopolítico internacional no que os líderes do mundo definen o futuro do continente dende fóra. A grande pregunta a fomrular, entón, é se a Unión Europea debe continuar apoiándose na protección colectiva amparada pola OTAN, ou se, pola contra, debería dar un paso decisivo cara á creación dunha defensa común que se afaste da tutela estadounidense. Para tomar esas decisións e cumprir o seu destino como actor global autónomo, a UE precisa avanzar na construción dunha capacidade de defensa propia que se integre dentro dun marco máis amplo de seguridade e política exterior. Isto non significa desconectarse da OTAN, senón máis ben fortalecer a súa soberanía e a súa capacidade de toma de decisións independentes cando as circunstancias o demanden.

A realidade de Europa hoxe non é só de incerteza, senón tamén de contradicións evidentes. A UE tenta posicionarse como un actor global coa súa propia voz, pero a súa acción non parece ir alén da pura propaganda bélica, que máis que resolver os problemas estruturais, fainos reaccionar ante as dinámicas do resto do mundo. As súas accións son demasiado superficiais, centradas en discursos e promesas de cooperación internacional que, na práctica, non logran articular unha resposta efectiva ante as tensións globales. Se a resposta política de Europa segue ancorada nunha visión reactiva, que se limita a manifestar desacordo coas políticas de grandes potencias, a UE nunca chegará a alcanzar a autonomía que tanto precisa.

Bruxelas, marzo 2025

Extracto do vídeo no que Hadja Lahbib, Comisaria de Igualdade e Xestión de Crises, procura motivar á cidadanía a prepara un “kit” de supervivencia de 72 horas.

Esta falta de reflexión crítica sobre o papel de Europa na actual orde mundial tamén se ve reflectida nas súas estratexias de seguridade. Recentemente, a Comisión Europea presentou un “kit de supervivencia” a través dun “vídeo tutorial” como o que podemos ver en “youtube” cando pretendemos arranxar os electrodomésticos da nosa casa, protagonizado pola Comisaria de Igualdade e Xestión de Crises, Hadja Lahbib, tentando dar as chaves para como a cidadanía debe afrontar os tempos de inestabilidade. Este enfoque simplista é completamente inadecuado para a gravidade da situación xeopolítica que Europa está a vivir. 

A disonancia entre as distintas liñas de acción europea é cada vez máis evidente. Unha parte da Unión quere avanzar cara a unha resposta máis militarizada, mentres outra parte está inmersa nunha retórica pacifista que, en realidade, non fai máis que agravar a desconexión entre as políticas adoptadas e a realidade. 

Ursula von der Leyen nunha visita Kiev no marco do Día de Europa. Kiev, 2024.

Chegados a este punto, a clave da cuestión radica na capacidade de Europa para repensar a súa estratexia a longo prazo. Non se trata simplemente de reaccionar ante os conflitos existentes, senón de crear políticas con visión de futuro que posibiliten a autodefensa existencial en todos os niveis: militar, económico e político. Este debe ser o verdadeiro obxectivo dun proxecto europeo que, no seu proceso de integración e cohesión, busca tamén forxar a súa propia identidade en relación coas grandes potencias que definen o futuro da xeopolítico global. Agora é o momento de repensar. Non hai dúbida de que estamos ante un momento crucial para a UE, que debe decidir se quere continuar sendo un actor pasivo no escenario internacional ou se, por fin, quere tomar as rendas dun futuro baseado na súa autonomía e soberanía. 

Se a Unión Europea desexa evitar o que se perfila como o “Annus horribilis” da independencia estratéxica, expresión popularizada pola raíña inglesa Isabel II, non pode permitirse seguir mantendo a súa estratexia de supervivencia baseada en vídeos de autoaxuda ou en medidas superficiais.

En definitiva, a verdadeira independencia estratéxica da UE non pasa por apegos ao pasado nin por medidas simbólicas que non fan fronte á gravidade da situación. É hora de que a Comisión Europa procese o re-enfoque como un actor que, sen perder os valores de solidariedade que o caracterizan, tamén sexa capaz de articular as políticas e as medidas necesarias para garantir a súa seguridade, a súa soberanía e o seu futuro no contexto global.

Anterior
Anterior

Estratexias de poder no Indo-Pacífico

Siguiente
Siguiente

Entre a retórica e o poder real da comunidade internacional